Nace o Movemento Arredista

O domingo 28 de febreiro celebrouse a Asemblea Nacional Constituínte da ferramenta política que nace do proceso “Sumarmos forzas pola ruptura” lanzado en outubro de 2020. 

Daquela faciamos unha convocatoria aberta á conformación dunha nova organización que consolidase no seo do soberanismo un novo referente organizativo desacomplexadamente independentista, que aposte polo socialismo e sexa consecuentemente feminista.

A Asemblea Nacional celebrada o 28 de febreiro culminou o proceso constituínte lanzado en outubro co lanzamento desta nova organización independentista, comunista e feminista.

Esta nova ferramenta chamarase Movemento Arredista, nome co que pretende reivindicarse como parte da traxectoria dos sectores máis consecuentes do soberanismo galego, que fai agora 100 anos eran os primeiros en situar abertamente o noso horizonte colectivo na creación dun estado galego independente. 

Tras meses de análises colectivas e debates realizados a pesar das dificultades impostas pola xestión da crise sanitaria -con restricións á mobilidade e no uso de espazos de reunión-, culminamos un proceso de acumulación de forzas que nos permite encarar con entusiasmo o complexo momento político e social que vivimos.

A situación socioeconómica actual, derivada da xestión neoliberal dunha crise sanitaria sen precedentes, reafírmanos nas análises que realizamos durante este proceso sobre a importancia de organizarse politicamente, de comprometerse, agora máis que nunca, coa militancia e coa mobilización social. 

A pandemia evidenciou aínda máis as desigualdades sociais, a vulnerabilidade das persoas fronte ao capital e o lucro devastador deste sobre a vida de todas, todo isto incrementado pola nosa carencia de poder político como pobo. Fronte a esta urxente realidade, asumimos como único camiño posíbel a loita popular en chave independentista e socialista.

Os debates que demos durante estes meses permitíronnos actualizar as nosas análises, dinamizar o noso corpo militante e base de apoio, aumentar a cohesión ideolóxica e sumar máis persoas ao noso espazo político, obxectivos que marcamos e cumprimos a pesar das dificultades do momento.

Constituímos unha organización que intervirá politicamente dende posicións de clase, con vocación unitaria e apostando aquí e agora por un programa de ruptura independentista que basee na mobilización e a construción popular o centro da súa acción política. 

Unha organización de carácter estratéxico, identificábel publicamente, con vocación e perspectiva revolucionaria e capacidade de orientación política para avanzar nese camiño, sendo quen de fixar posicións ante os debates fundamentais do noso tempo e intervir en base a elas. 

Unha organización que se marca como obxectivos prioritarios a formación de cadros políticos, a aposta por dar debates estratéxicos ademais de intervir politicamente no día a día, o compromiso militante para coordinar e organizar as forzas coas que intervirmos social e politicamente e a unidade de acción reforzando as organizacións de masas como o BNG e a CIG.

A organización fundaméntase no compromiso militante, o traballo de base, a construción de poder popular e a suma de forzas en todos os espazos, nomeadamente afortalando o BNG e a CIG desde posicións revolucionarias.

Con ilusión encetamos este aposta política por erguer un espazo de transformación que se sustenta na democracia popular, na xustiza social e económica e no ecoloxismo, e entende a centralidade do feminismo como panca para unha transformación social radical. Que quere pór en valor o traballo colectivo fronte ao individualismo; a loita de clases, un municipalismo que sexa altofalante do poder popular e a ruptura coas falsas alianzas progresistas.

Queremos dende este espazo sumar forzas co resto do movemento soberanista no camiño da independencia nacional, construíndo con humildade mais con firmeza, desde o compromiso militante e o profundo amor á matria para mudalo todo.

Comparte!