Debate: un ano de “Goberno de Progreso”

como actuarmos desde a

esquerda soberanista

Hai un ano constituíase o actual goberno do estado español, nunha fórmula que reunía por primeira vez as principais forzas que se reclaman de “esquerda” no estado. Este goberno contou ademais co apoio directo ou indirecto de diversas forzas do soberanismo e en diferentes momentos. No caso galego, dun acordo de investidura BNG-PSOE case integramente sen cumprir, deuse paso a un voto negativo nos orzamentos menos dun ano despois.

Pasado este tempo, parécenos bo momento para reflexionar sobre o nivel de cumprimento das expectativas creadas e sobre todo arredor de cal debe ser de aquí en diante unha posición consecuente desde a esquerda soberanista (particularmente a do noso país) ante un goberno que está a supor máis continuidades que rupturas cos anteriores. Máis en xeral, queremos falar de cal debe ser a posición do nacionalismo popular galego e as súas propostas de ruptura democrática ante as propostas de reforma, novas “transicións” ou de suposta democratización do estado.

Partindo desta cuestión, queremos abordar diferentes asuntos que consideramos necesario debater: cal debe ser o noso papel nunhas institucións que nos son alleas e que están deseñadas para desactivarnos; que avaliación facemos do papel do PSOE como piar do réxime do 78, ou cal é realmente a mellor estratexia para non alimentar o medre da extrema dereita.